bailadela da morte ditosa
bailadela da morte ditosa
28/06/2008
Despóis de levar aos escenarios, nos últimos anos, tres textos tan diferentes como “Tartufo”, “Misericordia” e “Emigrados” -unha comedia clásica, unha aceda crítica social e unha obra contemporánea escrita a cinco mans por outros tantos autores galegos-, en Teatro de Ningures vimos clara a necesidade de continuar a traballar unha vez máis nesa última liña: a de levar a escena outra obra galega contemporánea que toque temas de hoxe –e de sempre, neste caso- que toque a tecla da sensibilidade do espectador/ora de aquí e de agora.
E que autor galego contemporáneo mellor que Roberto Vidal Bolaño? Desaparecido prematuramente, Roberto constituiu un dos escasos cumes da nosa Literatura Dramática, cunha estética moi particular, cunha linguaxe rica e rexa, cunha conciencia crítica insobornable e cunha capacidade creativa que o levaron ao lugar que ocupa sen dúbida ningunha: un lugar cimeiro na Literatura Dramática galega actual e de todos os tempos.
Porque “as bailadelas” compoñen un texto completamente contemporáneo, galego e universal, cuns personaxes e unha problemática actual e totalmente recoñecible polo público de hoxe e de calquera lugar.
“Bailadelas da morte ditosa” preséntanos seis encontros coa morte noutros tantos cadros.
Encontros procurados sempre polos personaxes e por diferentes motivos: adiantar a propia morte para fuxir do sufrimento, achegarse a ela para matar a soidade ou o fracaso, abrazala para alimentar outra vida ou acabar nos seus brazos como remate natural dun camiño xa andado.
E Roberto Vidal Bolaño píntanos eses cadros coas súas pinceladas características: unha linguaxe áxil e poderosa, uns personaxes trazados con gran profundidade e un achegamento ao tema – a morte buscada, a “ditosa”- sen estridencias, con gran naturalidade, como sempre se tratou na nosa cultura e desde o noso imaxinario.
A pesar do seu título, as bailadelas da morte ditosa son un canto á vida: a vida digna, ao amor, á liberdade. Tampouco non queremos dar unha visión “valleinclanesca” e moito menos “costumbrista” do texto – que pode conter esas dúas características no seu seo- senón que imos procurar subliñar nel todo o que ten de “contemporaneidade”, entendido este concepto como proximidade, achegamento aos conflitos máis fondos e actuais, máis esenciais, tentando despoxalo, por exemplo, de referencias xeográficas ou específicas da época, porque entendemos que é un texto universal.
“Un mozo atopouse coa morte e facéndose dela amigo, deu en pedirlle un favor. Antes de vir buscalo tería que lle avisar con tempo. Fecharon así o trato e, cando o mozo deu en avellentar, chamouno á súa beira a morte. Que me queres?, díxolle el. Veño por ti!, respondeulle a morte. Quedaches de me avisar con tempo!, retrucou o xa vello. E ben avisado estás!, replicoulle a Dona. Branqueouche o pelo? Branqueou! Caéronche os dentes? Caeron! Cansáronche as pernas? Cansaron! Perdiches as forzas? Perdín!.. E entón, que máis avisos querías? E dito isto, a morte marchou cara á noite e o vello, con ela, detrás”.
A partir do texto de:
ROBERTO VIDAL BOLAÑO
REPARTO:
FRAN PAREDES
SONIA RÚA
MÓNICA CAMAÑO
PEPA BARREIRO
SANTIAGO CORTEGOSO
SALVADOR DEL RIO
CASILDA GARCÍA
TÉCNICO ILUMINACIÓN: HECTOR PAZOS
TÉCNICO MONTAXE:
SERAFÍN PIÑEIRO
DESEÑO ESCENOGRAFÍA:
PABLO GIRÁLDEZ "O PASTOR"
DESEÑO VESTIARIO:
CARLOS ALONSO
MÚSICA: ANXO GRAÑA
AXDTE DIRECCIÓN:
ZE PAREDES
DIRECCIÓN:
ETELVINO VÁZQUEZ