os cómicos dell’auto
Os cómicos dell'auto
03/07/2009
OS CÓMICOS DELL’AUTO é un espectáculo ambulante de rúa que se desenvolve arredor dun vello autobús. En realidade, máis que un autobús é un vehículo de transporte de animais e persoas que se empregaba para ir ás feiras nos anos 20 e 30. A parte de atrás é unha gaiola con reixas que está illada da parte dianteira: unha cabina para o condutor con asentos para varios pasaxeiros. Ademais ten unha baca na parte superior pensada para levar equipaxes e mercancías, que tamén se emprega como espazo de actuación.
Así pois, o espectáculo ten lugar nas tres partes do autobús durante o percorrido que realiza polas rúas da localidade. No medio deste pecorrido, vai facendo paradas nas prazas ou espazos públicos máis propicios e axeitados para que o público se concentre arredor del. Durante estas paradas, os cómicos baixan do autobús para interactuar cos espectadores e integralos na representación de pequenas pezas.
Estes cómicos, protagonistas do espectáculo, son catro actores e unha actriz que encarnan os diferentes personaxes da función. Tomando como punto de partida a tradición da Commedia dell’Arte e, en particular, os arquetipos que nos legou: o capitano, pantalone, o doutor, colombina, o arlecchino, os namorados..., creamos unha serie de personaxes populares contemporáneos e, ao tempo, universais. Para iso contamos con máscaras de coiro construídas artesanalmente.
Á súa vez, estes cómicos interpretan as cancións e a música en directo: acordeón, guitarra, percusión e violín, tanto para animar os desprazamentos como para acompañar as pequenas representacións que se fan en cada parada. Tanto os instrumentos como as voces dos actores están amplificadas, para que a función poida chegar con calidade a unha gran cantidade de público, aínda que o espazo sexa moi aberto.
Idea:
Paulo Serantes
Marián Bañobre
Santiago Cortegoso
Desenvolvemento e interpretación:
Paulo Serantes
Fran Paredes
Marián Bañobre
Lois Soaxe
Santiago Cortegoso
Traballo de máscara e dirección do canovaccio:
Paulo Serantes
Tratamento de textos:
Santiago Cortegoso
Vestiario:
Marián Bañobre
Construción de máscaras:
Den Durand
Dirección e composición musical:
Paulo Serantes
Cartel e Programa:
Diego Seixo
Técnicos de luz e son:
Héctor Pazos
Diego Camaño
Produción:
Salvador del Río